Friday 19 de April de 2024

A Xunta investirá máis de 590.000 euros na construción dunha rotonda de enlace da estrada AC-173 coa provincial DP-5812, en Oleiros, coa fin de incrementar a seguridade viaria


O proxecto consistirá na realización dunha reordenación completa do cruce das estradas AC-173 e DP-5812, mediante a execución dunha glorieta, coa fin de solucionar os problemas de tráfico existentes neste punto

A Xunta e o Concello de Oleiros colaborarán na execución dunha rotonda de enlace da estrada Perillo- Mera (AC-173) coa provincial DP-5812, que une Meirás e Santa Cruz, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria neste punto. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de remitirlle ao municipio o convenio de colaboración correspondente a este proxecto.

Esta actuación ten un orzamento de máis de 591.000 euros, que será financiado polo Executivo autonómico, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

O proxecto consistirá na realización dunha reordenación completa do cruce das estradas AC-173 e DP-5812, coa fin de solucionar os problemas de tráfico existentes neste punto. Para levar a cabo esta infraestrutura, consideraranse factores como os tráficos rodado e peonil ou o desenvolvemento urbano do ámbito da actuación.

O Concello de Oleiros encargarase da redacción do proxecto da rotonda, e da súa remisión á Axencia Galega de Infraestruturas para a súa conformidade. Ademais, xestionará os terreos necesarios e executará as obras obxecto deste convenio.

A Consellería de Infraestruturas, tal e como se citou anteriormente, asume o compromiso de financiar os gastos de execución das obras. Tamén realizará a transferencia de titularidade do treito da estrada AC-173, entre Perillo e Santa Cruz, comprendido entre os Pq. 0+000 e 4+300, a prol do Concello de Oleiros. Esta cesión é coherente co seu tránsito ao longo de treitos urbanos e ademais favorecerá a explotación da vía dende o punto de vista municipal.

A Xunta, con este tipo de actuacións, continúa a traballar na mellora da rede viaria de Galicia, a ordenación do territorio e a súa cohesión, de xeito que se proporcionen aos cidadáns unhas estadas eficaces, cómodas e seguras, fomentando as relacións municipais e intermunicipais na procura dun desenvolvemento harmónico.